FACEMOS EROSKI Na actualidade traballan nas súas instalacións máis de 1.300 persoas A SEDE DE ELORRIO FAI 50 ANOS SEGUIMOS A LIDERAR A ATENCIÓN AO CLIENTE IMPULSAMOS XUNTOS O CRECEMENTO DAS PEMES ESPAÑOLAS novas Este outono, en EROSKI conmemoramos os 50 anos da nosa sede en Elorrio, e celebrámolo con quen lle dá vida a este lugar: as persoas traballadoras. Ao longo de tres semanas compartimos actividades e encontros para lembrarmos a historia e seguirmos a fortalecer os lazos que nos impulsan cara ao futuro. O acto de apertura contou coa visita de membros da corporación municipal de Elorrio que, xunto ao noso equipo, descubriu unha imaxe conmemorativa cos fitos máis importantes destas cinco décadas. Durante a celebración, a alcaldesa, Julene Lazkano, subliñou o valor que ten para o concello contar cunha cooperativa como EROSKI, xeradora de emprego, riqueza e arraigamento. Tamén tomaron a palabra Rosa Carabel, CEO de EROSKI, e Beatriz Aparisi, xerente da sede, que salientaron o papel clave de Elorrio e o compromiso compartido. Hoxe, nas nosas instalacións traballan máis de 1.300 persoas. Dende aquí, impulsamos a innovación loxística, o desenvolvemento local e a cooperación con máis de 367 provedores vascos. Medio século despois, ollamos cara ao futuro con ilusión, convencidos de que este fito é só o comezo dunha nova etapa de crecemento e compromiso coa comunidade. A SEDE DE ELORRIO FAI 50 ANOS Na actualidade traballan nas súas instalacións máis de 1.300 persoas A CEO Rosa Carabel, acompañada por representantes municipais e mais polos xerentes que lideraron as instalacións dende a súa orixe. Un ano máis, e xa van 14, fomos recoñecidos como líderes en atención ao cliente nos Premios ao Mellor Servizo de Atención ao Cliente do Ano, na categoría de club de fidelización. Este galardón, outorgado pola consultora Sotto Tempo Advertising, énchenos de orgullo porque premia o que máis valoramos: escoitar, acompañar e responderlle a quen confía en nós acotío. Detrás deste recoñecemento hai un grande equipo -máis de 100 persoas nos centros de contacto e milleiros nas nosas tendas- que comparte un mesmo compromiso: ofrecer un servizo próximo, áxil e de calidade. Cada chamada, cada mensaxe ou comentario en redes sociais é unha oportunidade para mellorar e demostrar que a experiencia EROSKI se constrúe con persoas e para persoas. Seguiremos a traballar coa mesma ilusión, porque a excelencia non se alcanza unha vez: renóvase, día tras día. En EROSKI cremos na forza das pequenas e medianas empresas para construír o futuro. Por iso, asinamos un acordo con CEPYME, sumándonos como entidade colaboradora e patrocinadora do proxecto CEPYME500, que recoñece as pemes líderes en crecemento e internacionalización. Con esta alianza, reafirmamos o noso compromiso co tecido empresarial español, impulsando oportunidades, innovación e emprego local a través do noso modelo cooperativo e de franquía.