V iaxar a Cuba é como subir a unha máquina do tempo que non só te leva ao pasado, senón que te mergulla tamén nunha vibra única, onde a música, a historia e a calidez da xente se mesturan nunha especie de maxia caribeña difícil de explicar, pero doada de sentir. Poderás camiñar por rúas cheas de cor, bailar salsa ou ver solpores que parecen pintados. E se a túa ruta inclúe A Habana e Varadero, daquela prepárate para gozar dunha viaxe con alma e praia, cultura e festa. Unha mestura perfecta coa que podes acadar un 5% de reembolso na túa tarxeta EROSKI Club para vindeiras compras! A Habana: unha cidade con ritmo propio A Habana non é, nin o pretende, unha cidade perfecta. Ten gretas, desconchaduras, fachadas que loitan por terse en pé. Pero velaí reside xustamente o seu engado. É auténtica, viva, real. Camiñar polas súas rúas é como entrar nunha película que mestura os anos cincuenta coa calor humana de América Latina. A Habana Vella concentra a esencia da capital cubana. Declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco, esta zona da cidade está chea de ruelas empedradas, balcóns coloniais e prazas que convidan a quedar alí horas mirando a vida pasar. Tes que ir á Praza Vella, cos seus casaróns coloridos e as súas terrazas cheas de vida, e mais á Praza da Catedral, onde a arquitectura barroca da Catedral de San Cristovo te deixará pampo. Ah! Se pasas pola porta, toma un mojito en La Bodeguita del Medio, o mítico bar onde se inspiraba Ernest Hemingway. Outro dos lugares máis emblemáticos da Habana é o seu malecón . Máis ca un muro de formigón, é o sofá xigante onde sentan os cubanos a conversar, rir, tocar música, namorarse ou, simplemente, ollar o mar. Polo serán, a luz tingue todo de dourado e a brisa do Caribe acaríciate. Ideal para ir sen apuros, con tempo, e deixarte levar. Varadero: o Caribe en modo postal Logo duns días na Habana, o mellor é escapar ao paraíso. E de falarmos de paraísos, Varadero abofé que é un dos máis fermosos do mundo. A area é branca e o mar, unha tolemia: unha mestura de azuis que, ao mirar para el, non sabes se estás a soñar ou se é real. Varadero conta con máis de 20 quilómetros de praia, así que ten espazo abondo para te relaxares. Podes camiñar sen rumbo pola beira, meterte na auga todo o día, facer snorkel , kaiak ou estomballarte a tomar o sol e non pensar en máis nada. Ás veces, iso tamén é viaxar: desconectar para volver conectar. En Varadero hai opcións para todos os gustos e petos, pero se o teu é esquecer todo e deixarte mimar, os resorts todo incluído son unha ben boa elección. Piscinas infinitas, grolos na praia, bufets con comida internacional e actividades todo o día. Aínda que a praia é o seu prato forte, en Varadero haiche moito máis para descubrir. Por exemplo, a Reserva Ecolóxica Varahicacos, onde atoparás sendeiros naturais, covas con pinturas rupestres e ata cactos xigantes. Outro plan interesante é facer unha excursión a Cayo Blanco, unha illiña preto de alí con praias virxes e excelente snórkeling . A maioría dos hoteis organizan saídas en catamarán, así que, ademais, podes gozar do luxo de dar unha volta polo mar. Cuba non se conta, vívese O certo é que Cuba non é só un destino, é unha experiencia. Ten esa mestura de historia, cultura, natureza e xente amable, leda e auténtica que a fai única. É unha viaxe que che sacudirá a alma e que te deixará con ganas de volver antes de marchar. Cuba agarda por ti cos brazos abertos. E nós estamos convencidos de que Cuba te vai namorar. Cuba A ILLA QUE viaxes